Repoboar o monte: cando plantar e que ter en conta
Repoboar unha parcela é un investimento a longo prazo. Para que saia ben hai que acertar coa época, a especie e a preparación do terreo, e coidar a plantación os primeiros anos. Estas son as claves.
A mellor época: outono e inverno
En Galicia, a plantación adoita facerse entre o outono e o final do inverno, cando a planta está en repouso e o solo ten humidade. Convén evitar os días de xeadas fortes e os terreos encharcados.
Preparar o terreo
- Roza previa para eliminar o mato que competiría coa planta.
- Abertura de buratos manual ou mecanizada, segundo a pendente e o tipo de solo.
- Planificar o marco de plantación (a distancia entre plantas) segundo a especie e o obxectivo.
Escoller a especie
Depende do solo, a altitude, a orientación e o obxectivo da repoboación: produción de madeira, protección do solo, paisaxe ou biodiversidade. As frondosas autóctonas como o carballo, o castiñeiro ou o bidueiro son unha boa opción en moitas zonas, e as coníferas como o piñeiro seguen sendo habituais en produción. Ten en conta as limitacións de especies preto de vivendas e núcleos rurais.
Protexer e manter
- Protectores e titores para evitar danos de corzos, xabarís e outros animais.
- Reposición de marras: substituír as plantas que non arraigaron.
- Rozas de mantemento os primeiros anos, ata que a planta supera o mato.
Axudas
A Consellería do Medio Rural convoca periodicamente axudas para a forestación e a mellora de masas forestais. Convén consultar as convocatorias antes de comezar, porque adoitan ter requisitos e prazos concretos.
Estás a pensar en repoboar unha parcela?
Encargámonos de todo: preparación do terreo, plantación, protectores e mantemento.
