Limpeza obrigatoria de fincas en Galicia: prazos, faixas e sancións
Cada ano, os propietarios de fincas próximas a vivendas e núcleos rurais de Galicia teñen que mantelas limpas de mato para reducir o risco de incendio. É unha obriga legal cun prazo fixo, e convén organizala con tempo. Explicámosche o esencial.
Que son as faixas secundarias?
Son franxas de 50 metros que rodean os núcleos de poboación e que, na práctica, están formadas por terreos rústicos. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, obriga a xestionar a biomasa (mato, herba seca, restos vexetais) nestas faixas.
Ademais da limpeza, nestas zonas hai limitacións para algunhas especies arbóreas, como o eucalipto ou o piñeiro. O teu concello pode indicarche que afecta exactamente á túa parcela.
Quen ten que limpar?
A responsabilidade correspóndelles en primeiro lugar aos propietarios dos terreos. Se non a cumpren, o concello debe facer a limpeza de forma subsidiaria, é dicir, pola súa conta e repercutindo despois o custo ao titular.
Ata cando hai prazo?
O prazo límite é o 31 de maio de cada ano. A partir do 1 de xuño comezan as inspeccións, nas que os concellos colaboran coa Xunta a través da empresa pública Seaga.
Como saber se a miña finca está afectada?
A Xunta ten un visor público de faixas secundarias onde podes consultar os seus límites: mapas.xunta.gal/visores/faixas. Para localizar a túa parcela seralle útil a referencia catastral; explicámosche como atopala.
Que pasa se non se limpa?
Non cumprir é unha infracción administrativa e pode dar lugar a un procedemento sancionador. Se o incumprimento continúa, o concello pode impoñer multas coercitivas de 900 euros por hectárea non xestionada (ou a parte proporcional se a superficie é menor), que se poden repetir cada tres meses. Tamén pode executar os traballos de forma subsidiaria e cobrarlle o custo ao propietario.
Hai axudas?
A Xunta mantén un convenio con Seaga para apoiar concellos e propietarios na xestión destas faixas. Nas parroquias consideradas prioritarias, os particulares poden contratar a limpeza a través do seu concello a un prezo taxado. Consulta no teu concello se a túa parroquia está incluída.
O noso consello: non agardes a maio
- Planifica a limpeza no inverno ou a comezos da primavera, cando a vexetación é máis doada de traballar e hai dispoñibilidade.
- Se tes varias fincas, agrúpaas nun mesmo encargo: o desprazamento da maquinaria aprovéitase mellor.
- Pensa nun mantemento anual: unha finca que se limpa cada ano sae máis barata ca unha moi abandonada.
Necesitas limpar a túa finca antes do 31 de maio?
Encargámonos da roza e dos restos. Indícanos a localidade e, se a tes, a referencia catastral, e preparámosche un orzamento sen compromiso.
Fonte: Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia. Esta información é xeral e pode cambiar; para o teu caso concreto consulta co teu concello.
